AGADIC

Centro Dramático Galego


Novas

IMPARTIDO POR IGNACIO GARCÍA

Artistas con diversidade funcional participan nun obradoiro de teatro clásico organizado polo Centro Dramático Galego e Culturactiva

[14/12/2023] O Centro Dramático Galego colabora coa empresa de xestión cultural Culturactiva na organización en Santiago de Compostela dun obradoiro de teatro clásico e interpretación para artistas con diversidade funcional, impartido polo director escénico Ignacio García, referente na difusión do repertorio teatral do Século de Ouro español. O curso desenvolverase desde mañá e ata o martes 19 no Centro Sociocultural Santa Marta coa participación de 26 intérpretes de diferentes puntos de Galicia e cunha ampla variedade en canto á súa formación, experiencia artística nos ámbitos escénico e musical, idade e capacidades diferentes.

Ignacio García

Cun punto de partida aberto, que se irá acoutando a partir do traballo directo co alumnado, a prioridade desta iniciativa é favorecer un espazo de reflexión sobre as barreiras e a discriminación de todo tipo (física, sensorial, social...) e a segregación de personaxes na dramaturxia clásica, abordado desde diferentes linguaxes da escena contemporánea. Nun primeiro momento, exporanse algúns temas concretos para establecer un diálogo sobre as posibles abordaxes destas temáticas, a partir do que se proporán exercicios individuais e colectivos de escritura en escena.

Accesibilidade para público e profesionais
A organización do obradoiro insírese nunha das liñas de acción que vén desenvolvendo a unidade teatral da Xunta de Galicia no marco da futura Lei de cultura inclusiva e accesible de Galicia, con iniciativas como a posta en marcha na súa sede do Salón Teatro do sistema pioneiro SINTE, que permite contar con interpretación en lingua de signos, subtítulos e audiodescrición en todas as funcións das súas producións e que tamén está dispoñible para as xiras fóra de Santiago. Desta volta, a aposta para garantir o acceso de toda a cidadanía ás artes escénicas trasládase ao outro lado do escenario para impulsar a inclusión no eido creativo e profesional.

Neste curso cóntase coa experiencia de Ignacio García, licenciado en dirección de escena por la Real Escuela Superior de Arte Dramático de Madrid e gañador dos premios a mellor director e mellor director novo da Asociación de Directores de Escena de España e do I Certame de Creación Escénica do Teatro Real de Madrid. Director do Festival Internacional de Teatro Clásico de Almagro entre 2017 e 2022, e adxunto á Dirección Artística do Teatro Español de Madrid de 2004 a 2009, na súa ampla traxectoria profesional destaca así mesmo a súa experiencia como programador do Festival Dramafest de México e como creador e director do centro de creación artística Voces de la Lengua na Rioxa.

Desde o inicio da súa carreira, traballa na difusión e coñecemento do teatro español do Século de Ouro a través de versións, escenificacións e seminarios sobre a materia, con innumerables montaxes dirixidas para compañías de todo o mundo. No ámbito lírico, ten dirixido a posta en escena de máis de 50 títulos do gran repertorio universal, cunha especial atención á zarzuela e unha importante proxección internacional dos seus traballos.


AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal