Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MARTA PAZOS DIRIXE A ANABELL GAGO, LORENA CONDE E CHELO DO REJO NESTE ESPECTÁCULO, QUE SE REPRESENTA O DOMINGO 19 DE MAIO, ÁS 18.00, E O LUNS 20 E O MARTES 21, ÁS 20.30

O Salón Teatro ofrece tres funcións de "C'est la vie", primeira produción da compañía galega Matrioshka

[15/05/2013] A Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria ofrece no Salón Teatro a presentación en Santiago de Ces’t la vie, espectáculo de debut da nova compañía teatral galega Matrioshka, que acaban de poñer en marcha as actrices Anabell Gago e Lorena Conde. A súa primeira proposta é unha creación colectiva, que elas mesmas interpretan xunto a Chelo do Rejo e para a que contaron, ademais, con Marta Pazos na dirección de escena e na dramaturxia.

C'est la vie

A sede do Centro Dramático Galego (CDG) acollerá un total de tres funcións -o domingo 19 de maio, ás 18.00 horas, e o luns 20 e o martes 21, ás 20.30 horas-, que foron presentadas hoxe nunha rolda de prensa na que Marta Pazos, Anabell Gago e Chelo do Rejo estiveron acompañadas polo director da compañía institucional, Manuel Guede Oliva.

Ces’t la vie chega a Compostela no inicio do seu percorrido escénico, trala súa estrea o pasado mes de marzo na Estrada. Trátase dunha proposta contemporánea que, como explica a propia compañía, ofrece unha "reflexión intensa e caleidoscópica sobre o tempo e os seus rastros". Pensada para espectadores a partir dos 14 anos de idade, a montaxe aborda o paso do tempo desde puntos de vista inauditos e sorprendentes, que van desde ese segundo que pode cambiar unha vida ao movemento acompasado entre o paso das horas e o corazón.

Montaxe fresca e evocadora
Neste sentido, as pezas da posta en escena ensámblanse con mimo e delicadeza, como se dun mecanismo de reloxaría se tratase, co obxectivo de transmitir ao espectador un sentimento de frescura e evocación, así como de mantelo nun estado de sorpresa permanente durante os 60 minutos que dura a representación.

Xunto con Marta Pazos, quen acaba de recibir o Premio María Casares á mellor dirección pola montaxe Tokio 3 da súa compañía Voadora, finalista tamén dos Premios Max ao mellor espectáculo revelación; acompaña a Matrioshka neste debut un experimentado equipo artístico, no que figuran nomes como Uxía P. Vaello no deseño dos figurinos e da coreografía, Cloti Vaello na realización do vestiario, Maraña na escenografía e no atrezzo, Trini F. Silva na maquillaxe e na perruquería, Javier Quintana na iluminación e no son, Inés Salvado na fotografía, Emilio Carral no vídeo e Culturactiva na distribución.

Este novo proxecto xorde cando Anabell Gago e Lorena Conde, que traballaran xuntas en diferentes espectáculos, deciden poñer en marcha unha compañía propia a través da que levar a escena o teatro que elas mesmas desexaban ver como espectadoras. Matrioshka nace con vocación de futuro no ámbito da escena contemporánea, nunha decidida aposta artística por pezas imaxinativas, valentes e directas, cheas tamén de poesía e de sentido do humor.

Venda de entradas
As entradas para as súas tres funcións en Santiago de Compostela poderán adquirirse no despacho de billetes do Salón Teatro, que estará aberto ao público desde dúas horas antes do comezo das representacións. O seu prezo é de 5 euros para o domingo, día do espectador, e de 10 euros para o luns e o martes, con descontos do 40% para titulares do carné xove, estudantes, persoas en situación de desemprego ou xubilación e profesionais das artes escénicas que acrediten a súa condición.

Ligazóns