Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

‘CORPO E VIBRACIÓN’ É O TÍTULO DESTE OBRADOIRO, QUE TERÁ LUGAR O 4 DE OUTUBRO NO SALÓN TEATRO

O CDG organiza un taller de experimentación arredor do movemento co coreógrafo Javier Martín

[19/09/2017] O Centro Dramático Galego (CDG) e o coreógrafo Javier Martín organizan o taller de movemento Corpo e vibración, que terá lugar o 4 de outubro no Salón Teatro de Santiago e para o que xa está aberto o prazo de inscrición. Esta actividade, ofrecida en colaboración cos encontros Arredor do son do festival Curtocircuíto e co programa de formación audiovisual Galicia ProFilme da Axencia Galega das Industrias Culturais (Agadic), insírese na serie de accións que o creador coruñés levará a cabo esa mesma semana na sede compostelá da compañía pública e que culminarán os días 6 e 7 coa posta en escena da súa montaxe O estado cru.

Corpo e vibración

O seminario, dirixido a persoas maiores de 16 anos e para o que non se require experiencia previa en danza, conta cun límite de 20 prazas, que serán adxudicadas por orde de inscrición. A matrícula é gratuíta e o prazo de solicitude manterase aberto ata o 29 de setembro, segundo as indicacións que se especifican no apartado de formación deste web.

Traballo moi persoal
Corpo e vibración pode definirse como un espazo aberto á experimentación que parte do movemento e o seu cruzamento co son. A través del, proporase unha apertura ás relacións entre corpo e espazo partindo dunha dinámica de traballo moi persoal, na que a filosofía, a improvisación, a danza e a performance forman parte dun único discurso.

Javier Martín desenvolve o seu proxecto de investigación no ámbito das artes do movemento a través da creación do discurso e a aplicación do mesmo no desenvolvemento de seminarios interdisciplinares, conferencias performativas, grupos de investigación e, sobre todo, na creación de espectáculos.

Desde 2004 ten estreadas máis de 30 pezas en España, Francia, Rusia, Portugal, México e Ucraína. Recentemente, foi artista residente en EIRA (Lisboa), Kannon House (San Petersburgo), Centro Canal (Madrid) ou MUN (Pamplona), ademais de presentar os seus últimos proxectos na UNAM (Museo del Chopo) de México, no GogolFest de Kiev, no CCCB de Barcelona, no Theatro Circo de Braga, no Centre Pompidou de Málaga, no Museo Reina Sofía de Madrid e na Universidade da Sorbona de París, entre outros espazos. Colabora habitualmente con artistas de diferentes disciplinas, como o músico ruso Oleg Karavaichuk.

Dentro da serie de accións que o coreógrafo levará a cabo durante esa semana no Salón Teatro destaca, así mesmo, a conversa Repertorio e improvisación, que manterán Javier Martín e o xornalista Antón Lopo con outros convidados. Terá lugar o mesmo día do seminario, ás 18:00 h., e nela abordaranse cuestións como o exercicio da práctica creadora, o contexto actual das artes vivas e os usos alternativos dos espazos culturais e académicos, ademais de analizar como conviven na actualidade conceptos como repertorio, novidade e improvisación.

Ademais, tras as funcións do seu espectáculo O estado cru, programadas para o venres 6 ás 20:30 h. e para o sábado 7 ás 19:00 h, o creador manterá un encontro co público para intercambiar impresións sobre a súa montaxe. Esta peza é un solo de danza baseado no traballo de improvisación co movemento e a luz, que o seu autor define como unha "traxedia sutil, sen sangue" e que foi unha das producións destacadas o ano pasado no catálogo Dance from Spain, editado pola Federación Estatal de Compañía y Empresas de Danza (FECED).