Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS DÚAS MODALIDADES DO BARRIGA VERDE PARA TEXTOS DE MONICREQUES QUEDARON DESERTAS

Roberto Salgueiro gaña o XVI Premio Álvaro Cunqueiro e Carlos Losada o II Manuel María

[23/10/2007] Roberto Salgueiro González coa obra Historia da chuvia que cae todos os días e Carlos Losada Galiñáns co texto Game over son os gañadores, respectivamente, da edición 2007 dos Premios Álvaro Cunqueiro para Textos Teatrais e Manuel María de Literatura Dramática Infantil, segundo fixo público hoxe a actriz Paula Carballeira, en nome do xurado que resolveu este ano os galardóns de creación literaria no eido teatral que cada ano convoca o IGAEM.

Comunicación pública do ditame do xurado

Carballeira, que anunciou os gañadores dos devanditos premios no acto inaugural da Feira Galega das Artes Escénicas que desde hoxe se celebra en Santiago de Compostela, informou así mesmo de que quedaron desertas as dúas modalidades (adultos e infantil) da edición 2007 do –tamén promovido polo IGAEM- Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Títeres.

Os autores galardoados percibirán unha dotación económica de 6.000 €, no caso do Álvaro Cunqueiro, e de 4.000 € no do Manuel María; e ambas as obras serán publicadas dentro das coleccións dramáticas que mantén abertas o IGAEM en colaboración con distintas editoriais galegas.

DRAMATIZACIÓN DOS CONFLITOS SOCIAIS

Con Historia da chuvia que cae todos os días, Salgueiro álzase por cuarta vez co Cunqueiro. O autor trata nesta ocasión de botar unha ollada, desde unha perspectiva realista, sobre o noso país. A través do enfrontamento entre un pai e un fillo o texto pretende analizar dúas xeracións tan diferentes como semellantes, a constitución de Galicia como espazo universal, onde a emigración condicionou a nosa constitución e pasados os anos, a inmigración volve poñernos en situación de análise.

O xurado destacou deste texto a dramatización que o autor fai dos conflitos sociais presentes en Galiza na actualidade como son a falta de perspectivas laborais, as cargas familiares, a emigración, o choque xeracional. Trátase dunha obra comprometida, que emprega un galego vivo, de diálogos áxiles, tensos, cribles, con carga dramática, onde domina o choque xeracional entre un pai e un fillo que viviron vidas parecidas.

A VIAXE DE ROI

En Game over, Losada Galiñáns conta a viaxe dun neno chamado Roi ao país das súas marabillas, dos seus xogos e dos seus medos, unha aventura que, como toda aventura que mereza ser recordada, sempre deixa de agasallo moito máis do que o propio aventureiro imaxinou.

Neste caso, o xurado fixo referenza ao bo ritmo da obra, ás súas boas posibilidades escénicas e a frescura da súa linguaxe, concretando que estamos ante unha obra ben argallada, fácil de seguir para os rapaces e non exenta de certa profundidade ao introducir unha mensaxe moi actual, que non é outra que o illamento ao que se someten na actualidade os pequenos por ese mundo das máquinas. A introdución da máquina como personaxe, o humor e un interesante tratamento da violencia son elementos destacados polo xurado de Game over

O xurado, que foi único para todos os premios e tomou as súas decisións por maioría dos seus membros, estivo integrado por Euloxio Rodríguez Ruibal, como presidente; e por Xesús Ron Pereiro, Daniel González Salgado, Paula Carballeira Cabana, María Ángeles González Rodríguez e Cándido Pazó González como vogais.

TRAXECTORIA DOS GALARDOADOS

Roberto Salgueiro (Caracas, 1966), licenciado en Filoloxía Hispánica pola Universidade de Santiago de Compostela e DEA en Literatura e Literatura Comparada, é director da Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela desde o ano 1990 e ten publicado diversos ensaios e traducións sobre a práctica teatral e dirixido para diversas compañías de teatro e institucións públicas.

Os seus traballos como director de escena e autor presentáronse en numerosas localidades de Galicia e España así como en Bélxica, Francia, Países Baixos, Noruega, Alemaña, Portugal, Marrocos, Porto Rico, Estados Unidos…

Foi galardoado en tres ocasións anteriores cos premio Álvaro Cunqueiro (1988 con O arce do xardín, 2000 con Eliana en ardentía ou Bernardo destemplado e 2002 con Molière final). En 2002 obtivo o premio de dramaturxia Carlos Couceiro con Apnea e en 2006 acadou o premio de Teatro Abrente con Memoria de Helena e María, ademais de ser finalista do Rafael Dieste en 2001 con Matanza e do Álvaro Cunqueiro en 1989 con Historia de Neera.

Carlos Losada (Cambados, 1966), autor e director teatral, estreou unha ducia de espectáculos en compañías universitarias e independentes de Galiza, entre outros Os Xemelgos de Plauto, Proceso en Jacobusland de Blanco-Amor, e textos propios, Desamañecendo, Síntoo, Señor dado.

No ano 2000 funda con Rubén Ruibal a compañía profesional teatro Cachuzo, e dirixe Fume de Carlos Losada e Rubén Ruibal; no ano 2003 dirixe Insomnio de Rubén Ruibal e en 2005 Charlie’s Angels’sex de Begoña Ferreira e Eva Gontad. Traballou no equipo de dirección dos espectáculos Criaturas e Animaliños de Teatro do Aquí e no Rosalía do Centro Dramático Galego, todos baixo dirección de Roberto Vidal Bolaño.

Documentación