Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

MANTÉN ABERTA ATÉ O 12 DE XUÑO A ADMISIÓN DE ORIXINAIS PARA O ÁLVARO CUNQUEIRO, O MANUEL MARÍA E AS DÚAS MODALIDADES DO BARRIGA VERDE

O IGAEM aumenta a dotación económica dos seus premios de literatura dramática

[10/04/2008] O IGAEM destina este ano un total de 24.000 € aos tres premios que convoca para incentivar a creación literaria no eido dramático: XVII Premio Álvaro Cunqueiro de Textos Teatrais, o III Premio Manuel María de Literatura Dramática Infantil, e o VI Premio Barriga Verde de Textos para Teatro de Monicreques nas súas modalidades de teatro para rapaces e teatro para adultos, para os que mantén aberto o prazo de admisión até o 12 de xuño.

Este incremento do 33,3% respecto da contía outorgada en 2007 derívase da unificación na dotación económica de todos os galardóns, que pasa a ser de 6.000 € por premio e categoría, fronte aos 4.000 € reservados en anteriores edición no caso do Manuel María e das dúas modalidades do Barriga Verde.

As bases publicadas no Diario Oficial de Galicia (DOG) o pasado 2 de abril establecen, ademais, que o IGAEM poderá publicar os textos premiados nas súas coleccións, reservando para si os dereitos de edición ou coedición por un período de dous anos dende a comunicación do ditame, prevista para o mes de outubro.

Xurado

As bases deste ano introducen, ademais, una serie de modificacións que teñen que ver coa súa adaptación á lei de subvencións de Galiza, que entrou en vigor o pasado ano. Neste sentido, para a avaliación dos textos constituirase un xurado formado por persoas de recoñecido prestixio no ámbito literario e escénico: dous expertos en literatura dramática; dous elixidos entre escritores, dramaturgos, autores e adaptadores; e outros dous entre directores de escena e outros oficios teatrais.

O gañador da pasada edición do Premio Álvaro Cunqueiro –o de máis longa traxectoria de todos os que se desenvolven no ámbito teatral galego– foi Roberto Salgueiro con Historia da chuvia que cae todos os días, e o II Manuel María de Literatura Infantil recaeu en Carlos Losada por Game Over, mentres que o V Barriga Verde foi declarado deserto nas súas dúas modalidades.

Documentación