Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

RESOLTAS 5 DAS 6 LIÑAS DE SUBVENCIÓN AO SECTOR ESCÉNICO E MUSICAL GALEGO PARA 2006

O IGAEM adxudica 785.000 euros en axudas a 25 compañías de teatro e danza para a produción de espectáculos

[07/08/2006] O Instituto Galego das Artes Escénicas e Musicais (IGAEM) da Consellería de Cultura e Deporte vén de adxudicar un total de 785.000 euros a 25 compañías profesionais galegas como resultado da súa convocatoria de axudas á produción para espectáculos de teatro e danza. O Consello Reitor do IGAEM ratificou as contías concedidas a cada montaxe –2 dentro da categoría de nova creación, 18 de actor e de monicreques e 5 de danza–, ademais de resolver outras catro modalidades das seis convocadas no marco do programa xeral de subvencións ao sector escénico e musical galego para 2006: axudas á distribución, ás dotacións da Rede Galega de Teatros e Auditorios, á programación de salas de teatro e artes escénicas, e ao estudo e investigación.

Nesta primeira quenda, foron adxudicados 1.097.162,88 euros, cifra que supón o 72,18% do orzamento total desta convocatoria (1.520.000 euros) a través da que se busca incidir no fomento e a promoción do sector cara á constitución dunha industria galega do teatro, a música e a danza innovadora e competitiva. A contía restante (422.837,12 euros) resérvase á modalidade dirixida á actividade asociativa, universitaria e non profesional, pendente de resolución, así como ás liñas de apoio á distribución e á formación, para as que aínda continúa aberto o prazo de recepción de solicitudes.

No caso das subvencións á produción de montaxes teatrais e coreográficas (modalidade A), 649.000 euros destínanse aos novos espectáculos de 18 grupos profesionais galegos de teatro de actor e de monicreques (Sarabela Teatro, Os Monicreques de Kukas, A Factoría Teatro, Teatro do Morcego, Teatro de Ningures, Títeres Trompicallo, Títeres Cachirulo, Teatro do Noroeste, Tanxarina Títeres, Títeres Falcatrúa, Talía Teatro, Nove-Dous, Títeres Viravolta, Encena Producións, Espello Cóncavo, Berrobambán, Lagarta Lagarta e Espiral Producións); 100.000 euros ás propostas coreográficas das compañías Druída Danza, Ballet Studio, Disque Danza, Nova Galega de Danza e Inquedanza; e 36.000 euros a dúas montaxes presentadas por dous grupos de recente creación (Nut Teatro e Teatro Lope de Vigo).

Para o apartado de distribución (modalidade B), no que por primeira vez se teñen en consideración espectáculos musicais ademais dos escénicos, resérvase un orzamento de 240.000 euros, do que até o momento foron adxudicados 51.526,88 euros para a distribución dos espectáculos presentados por 13 compañías escénicas: Sapristi Teatro, Teatro do Noroeste, Artello Teatro Alla Scala 1.5, Teatro Ensalle, Teatro Buratini, Tanxarina Títeres, Títeres Trompicallo, Os Monicreques de Kukas, Nova Galega de Danza, Pisando Ovos, Encena Producións, Matarile Teatro e Inquedanza. A contía restante (188.473,12 euros) destinarase ás propostas de distribución seleccionadas de entre os proxectos que se reciban até o 15 de novembro, día no que remata o prazo de recepción de solicitudes, e tendo en conta que, en cada caso, a data límite sitúase 15 días antes da celebración da primeira das funcións da xira proposta.

SALAS, TEATROS E AUDITORIOS

Canto ás subvencións aos espazos escénicos, 8 escenarios (Pazo da Cultura de Carballo, Teatro Principal de Pontevedra, Auditorio Municipal de Cangas, Teatro Pastor Díaz de Viveiro, Teatro Municipal Lauro Olmo do Barco de Valdeorras, Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes, Auditorio Gabriel García Márquez de Oleiros, e Teatro Principal da Estrada) resultaron beneficiarios do total de 120.000 euros convocados dentro da nova liña de apoio ás dotacións e investimentos na Rede Galega de Teatros e Auditorios (modalidade C), mentres que os 95.000 euros reservados para a programación de salas de teatro e de artes escénicas (modalidade D) foron adxudicados a 4 espazos de titularidade privada: Teatro Ensalle de Vigo, Sala Nasa e Sala Yago de Santiago, e Teatro del Andamio da Coruña.

Por último, o Consello Reitor do IGAEM ratificou a concesión de 45.636 euros (76% dun total de 60.000 euros) a 13 das propostas presentadas até o momento ás axudas ao estudo e á investigación (modalidade F), que o Instituto convoca tamén por vez primeira co obxectivo de fomentar a reciclaxe profesional e a formación especializada das persoas vinculadas ás actividades de creación, produción, distribución e exhibición de espectáculos escénicos e musicais, así como de promover a actividade investigadora no ámbito de teatro, a danza e a música. Dentro desta modalidade, mantense aberto até o 31 de outubro o prazo de recepción de solicitudes para a categoría de axudas ao estudo. Ás propostas que se presenten durante este período resérvase o 24% da contía convocada.

Tal e como se recolle nas bases destas axudas, publicadas no Diario Oficial de Galicia o pasado 28 de abril, os beneficiarios das subvencións deberán comunicar ao IGAEM a súa aceptación nun prazo de 15 días naturais, contados a partir do día seguinte ao da recepción efectiva por correo certificado da notificación da concesión.

Ligazóns