Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

AS ENTRADAS PARA AS DÚAS REPRESENTACIÓNS SON DE BALDE, PREVIO PASO POLO DESPACHO DE BILLETES

O teatro universitario ocupa o Salón Teatro coas últimas montaxes dos Sigillatos Galaicos e da Aula de Teatro da USC

[16/12/2011] As compañías de teatro universitario Os Sigillatos Galaicos e a Aula de Teatro da Universidade de Santiago de Compostela (USC) ocupan o Salón Teatro este luns día 19 e o martes 20, respectivamente, para presentar as súas novas propostas escénicas. As entradas para asistir a estas dúas representacións son de balde, previo paso polo despacho de billetes, que permanecerá aberto desde dúas horas antes do comezo de cada función. Poderán retirarse ata dúas localidades por persoa.

Imaxe de "O cabaleiro de Olmedo"

Os Sigillatos Galaicos, grupo de teatro da Facultade de Historia da USC, actúa o luns 19 ás 20.30 horas cunha nova versión revisada da súa peza Feeling Good, que xa estreara o pasado mes de maio neste mesmo escenario, dentro da programación da XII Mostra de Teatro Universitario de Galicia. Con dirección escénica de Daniel Baamonde e a interpretación de Blanca Tejero, Tomás Ledo, Mikel Díaz, Almudena Bouzón, Juan Carballo e Roberto Casas, a montaxe aborda a vida pouco afortunada dunha "femme fatale" que coñece un detective corrupto que a leva a traballar a un club de jazz onde coñece a un xornalista en paro do que se namora.

Homenaxe ao xénero negro
O jazz aparece como o pano de fondo diante do cal se xuntan as relacións humanas co contexto histórico, social e político (tales como a crise económica, o racismo ou o período de entreguerras), o que lle achega á vida o toque máxico, alegre ou melancólico necesario para escapar da crúa realidade. Será o jazz o que lles faga cantar e gritar aos personaxes I’m feeling good! (síntome ben!), a pesar da cor gris das súas existencias. Ás veces será unha forma de enganarse a si mesmos, outras veces non será máis ca un desexo, pero sempre atoparán esa vía de escape no espazo utópico do club de jazz.

Feeling Good é unha historia de amor na que se mestura o crime, a prostitución, a Lei Seca, a música, a crise económica e a paixón. As autoras do texto, Paula F. Franco e Blanca Tejero, inspiráronse na suxestiva canción de Nina Simone para situar o espectáculo no Chicago de 1930 e render así unha homenaxe, dende o punto de vista estilístico, ao xénero negro.

Comedia burlesca
A Aula de Teatro da USC estreará ao día seguinte, martes 20 ás 21.00 horas, a súa nova produción, que leva por título completo Comedia famosa do cabaleiro de Olmedo, escrita por Francisco de Monteser e editada no ano 1651 en Alcalá, con algunha adición respectuosa para a súa posta en escena. A peza conta coa dramaturxia e a dirección escénica de Roberto Salgueiro e un elenco composto por Carla Capeáns, Lucía Abarrategui, Patricia Coucheiro, Estevo González, Cristina Amboage e Fran Paz.

Francisco Antonio de Monteser (c. 1620 -1668) edita nun volume conxunto a obra Comedia burlesca del caballero de Olmedo no ano 1651, peza que parodia a de Lope de Vega, El Caballero de Olmedo, publicada dez anos antes, en 1641. Lope de Vega escribe a súa traxicomedia inspirado nun breve cantar, moi coñecido, que facía referencia con probabilidade a un asasinato acontecido en 1521, e que di: "Esta noche le mataron / al Caballero / la gala de Medina / la flor de Olmedo". Monteser parodia os arquetipos e situacións que se presentan no texto de Lope, escribindo un texto dunha sorprendente modernidade e que aínda segue a ser un grande descoñecido nos escenarios.

Documentación