AGADIC

Centro Dramático Galego


Interior do Salón Teatro. Imaxe na que se ve unha sala de espera con varios sofás e unha alfombra. Fachada do Salón Teatro. Patio de butacas do Salón Teatro, visto dende un lateral.

O edificio

A primeira reconstrución do inmoble que hoxe acolle o Salón Teatro, situado no número 34 da Rúa Nova, foi promovida en 1919 pola Liga da Mutua de Señoras de Santiago. A entidade encargoulle o proxecto a Jesús López Rego, un dos principais arquitectos modernistas de Compostela.

Cun aforo de máis de 500 localidades, forma de anfiteatro, un escenario reducido e unha sala dividida en dous andares -o patio de butacas e un primeiro andar de palcos e xeral-, o recinto foi inaugurado o 30 de outubro de 1920. Xa en 1949, tras cambiar de propietarios en varias ocasións, a Comisaría de Padroado Artístico reformou a fachada do inmoble para darlle un aspecto máis digno e nobre. O arquitecto Pons Sorolla foi o encargado de retocar a súa imaxe externa, practicamente inalterada ata 1996, ano en que o inmoble foi adquirido pola Xunta de Galicia.

O Estudio de Arquitectura Baltar, Bartolomé e Almuiña deseñou a última e máis profunda remodelación do Salón Teatro, desenvolvida entre os anos 1998 e 1999. Así, mentres que no exterior a reforma limitouse ás carpinterías das fiestras, á cor e a un novo deseño das portas, o despacho de billetes e a carteleira, no interior a transformación foi completa.

O soto emprégase agora como espazo de servizos xerais e comúns do teatro, como a lavandería e a xastrería, ademais de ser acceso e vía de evacuación da escena. No primeiro corredor, tras a fachada que se abre á Rúa Nova, establecéronse os accesos, os vestíbulos e os espazos de relación. No espazo central disponse a platea e a tribuna do público, que reducen o seu aforo a 272 espectadores para dar paso a un escenario máis amplo e ben dotado de servizos escénicos.

O control de luz e son efectúase dende unha ampla galería que, ademais, se relaciona cunha viga técnica que atravesa o sector do público. Baixo cuberta, no último andar, sitúanse as oficinas do Centro Dramático Galego.

A pedra e a madeira son os dous materiais dominantes na resolución interior do edificio, que conta cunha superficie total construída superior aos 1.600 m². A pedra como transición dende a rúa, pavimentada con granito, segue no interior, onde vai acollendo a madeira por adecuación acústica e por confortabilidade.

Nesta páxina podes ver unha galería de imaxes do Salón Teatro.

AGADIC Marca gráfica da Xunta de Galicia

Accesibilidade | Aviso legal