Axencia Galega das Industrias Culturais

Xunta de GaliciaAxencia Galega das Industrias Culturais

Noticias

O PROCESO DE REFORMA DESTE CIRCUÍTO ENTRA NA SÚA RECTA FINAL

A Rede Galega de Teatros e Auditorios inaugura un novo modelo de programacións específicas con Redesons e Rededanza

[07/09/2006] A Rede Galega de Teatros e Auditorios estrea a partir de mañá os programas Rededanza, Redesons Jazz e Redesons Clásica como paso previo á posta en marcha dun novo modelo organizativo baseado no desenvolvemento de programacións específicas de teatro, música, danza, maxia e monicreques. O circuíto de exhibición de espectáculos promovido polo IGAEM iniciará en xaneiro de 2007 unha nova etapa, trala conclusión do proceso de reforma no que están a participar os diferentes sectores implicados (asociacións escénicas, programadores culturais e IGAEM).

Presentación da RGTA 06

Segundo explicou esta mañá en rolda de prensa o xerente do IGAEM, Miguel Martín (na imaxe), a Rede entra agora na recta final dunha reformulación a través da que busca consolidarse como un circuíto de espazos de exhibición, no marco do que se desenvolverán programacións concretas dedicadas aos distintos xéneros escénicos e musicais, cada unha delas con requirimentos e orzamentos diferenciados. Esta atención especializada pretende que a danza, a música, os monicreques e a maxia conten cun espazo crecente nunha oferta de espectáculos que até o de agora se centraba basicamente no teatro de actor.

Neste sentido configuráronse os novos programas de danza contemporánea, jazz e música de cámara que, neste segundo semestre do ano, complementan o cartel xeral da Rede Galega de Teatros e Auditorios, integrada na actualidade por diferentes escenarios de 45 concellos e entidades. Así, de xullo a decembro exhibiranse un total de 332 funcións, das que 34 corresponden a Rededanza, 29 a Redesons Jazz e 25 a Redesons Clásica. A incorporación destas tres novas programacións supón un volume de contratación de 263.340,62 euros (148.047.31 euros a cargo do IGAEM e 115.297,31 euros, dos concellos participantes), que vén a sumarse ao investimento total de 609.587,42 euros destinado á programación xeral durante este mesmo período.

INAUGURACIÓN EN VILAGARCÍA

O espectáculo N8 OHX da compañía Pisando Ovos inaugurará mañá, ás 21.00 horas no Auditorio Municipal de Vilagarcía de Arousa, a programación de Rededanza, que terá lugar en 9 escenarios –Auditorio Municipal de Cangas, Teatro Rosalía de Castro da Coruña, Pazo da Cultura de Carballo, Auditorio Municipal e Teatro Principal de Ourense, Auditorio Municipal Cine Alovi das Pontes, Auditorio Municipal Hernán Naval de Ribadeo e Auditorio Carmen Estévez de Vilalba, ademais do Auditorio Municipal de Vilagarcía– coa participación de 14 compañías, 8 galegas (B Studio, Ballet Jesús Quiroga, Disque Danza, Druída Danza, Experimenta Danza, Inquedanza, Nova Galega de Danza, Pisando Ovos) e 6 de fóra de Galicia (10&10 Danza, Arrieritos, Date Danza, Larumbe Danza, Patas Arriba, Pepe Hevia).

Canto á música, Redesons Jazz dará comezo o vindeiro día 30 en Gondomar cun concerto do Jazz Vides Cuarter. Un total de 17 grupos e intérpretes galegos conforman este cartel, que se desenvolverá en 9 concellos (Arteixo, Foz, Gondomar, Ribadeo, Sada, San Sadurniño, Vilagarcía, Viveiro e Xove). Pola súa banda, Redesons Clásica celebrarase a partir do 11 de outubro en 8 localidades (O Barco, Carballo, Foz, Sada, San Sadurniño, Vilagarcía, Viveiro e Xove), onde actuarán un total de 20 formacións, todas elas galegas.

AMPLIACIÓN DE OBXECTIVOS

A Rede Galega de Teatros e Auditorios, que celebrou a súa primeira programación hai agora dez anos en sete localidades, encamíñase cara a un novo modelo de funcionamento e xestión que suporá un fondo cambio tanto na súa concepción como nos seus obxectivos. Así, a nova Rede buscará potenciar o mercado galego das artes escénicas, apoiando a súa presenza e visibilidade social, traballando na captación de públicos, promovendo a formación na xestión cultural aplicada ás programacións e incrementando o volume total de contratación. A creación dunha páxina web propia, a posta en marcha de billeteiras electrónicas, a xestión a través dunha intranet e a realización de estudos periódicos serán algunhas das actuacións que se desenvolverán neste sentido.

Trátase, así mesmo, de lograr un circuíto máis dinámico, aberto aos diferentes xéneros artísticos a través de programacións especializadas, que se converta en referente para a distribución e exhibición das artes escénicas e musicais galegas. Con este fin, a Comisión Técnica de Reforma traballa na concreción das normas de funcionamento que se aplicarán na Rede a partir de xaneiro e que será presentada nos vindeiros meses ao conxunto dos axentes das artes escénicas e musicais de Galiza cara á súa aprobación definitiva.

O documento final unificará os requirimentos esixibles tanto ás compañías como aos espazos de exhibición que participen nas diferentes programacións, así como os mecanismo xerais de funcionamento canto á asunción dos cachés, prezos de localidades, sistema de programación e contratación, entre outros aspectos.

Documentación