Educación e mediación
O Centro Dramático Galego (CDG) desenvolve un sistema de educación e mediación orientado a crear pontes entre o teatro e a cidadanía con especial atención á comunidade educativa, co obxectivo de fomentar o coñecemento, o interese e a participación das novas xeracións nas artes escénicas. Con esta vontade de achegar o teatro ao sistema educativo, o CDG promove diversas iniciativas que combinan formación, divulgación e experiencia directa co feito teatral.
Un dos eixos centrais deste sistema é o programa de visitas guiadas “Os segredos do Salón Teatro”. Estas visitas están dirixidas a grupos escolares de distintas etapas educativas e ofrecen unha aproximación ao funcionamento interno dun teatro público, ao proceso de creación escénica e á historia do propio edificio, un espazo emblemático da cultura galega tanto de xeito presencial como en liña. A través dun percorrido polas instalacións e explicacións adaptadas a cada idade, o alumnado participante pode descubrir todo o que ocorre antes, durante e despois dunha función.
Do mesmo xeito, o CDG desenvolve tamén, visitas teatralizadas nas que a cidadanía vive unha experiencia inmersiva que mestura ficción e realidade. A través do xogo escénico e a interpretación, o público coñece os espazos do teatro —escenario, bambolinas, vestiarios, sala, cabina...— ao tempo que se introducen nos segredos da produción teatral e na maxia que envolve o mundo das artes escénicas.
Estas accións complétanse co apoio continuado ao teatro infantil e familiar, así como coa organización de funcións escolares e materiais didácticos que axudan a integrar a experiencia teatral nos contidos curriculares. Deste xeito, o CDG consolida o seu papel como axente educativo, xerando contextos de aprendizaxe activa e emoción compartida arredor do teatro.