banner-residencias

Residencias

O Centro Dramático Galego desenvolve un completo programa de residencias artísticas co obxectivo de apoiar a creación contemporánea, fomentar a profesionalización do sector e dinamizar o ecosistema escénico galego desde múltiples frontes e espazos.

O CDG impulsa diferentes modalidades de residencia en colaboración con outras institucións e colectivos como a Cidade da Cultura ou o Colectivo RPM. As residencias REGA, organizadas en colaboración coa Cidade da Cultura, permiten aos proxectos combinar o traballo escénico no Salón Teatro co uso dos espazos do Gaiás, facilitando estadías técnicas e creativas. O mesmo acontece coas Residencias Paraíso, impulsadas polo Colectivo RPM dirixidas a creadoras en fase de investigación ou experimentación, ofrecendo espazos, tempo e acompañamento sen esixencias de produción inmediata.

No marco do modelo de residencias, o CDG colabora con outras entidades culturais e teatros de dentro e fóra do noso país, promovendo a mobilidade e o intercambio artístico: artistas de aquí poden desenvolver os seus proxectos noutros territorios, mentres que creadoras e creadores doutras latitudes son acollidas en Galicia, enriquecendo o tecido cultural local.

Un eixo clave son tamén os espazos asociados ao programa de residencias no territorio galego, que levan os procesos creativos a espazos escénicos e contextos rurais ou non centrais da xeografía galega. Estes procesos buscan conectar a creación coas comunidades locais, activar novos públicos e descentralizar o acceso á cultura, colaborando con teatros, concellos e axentes culturais repartidos por toda Galicia.

A través deste conxunto de iniciativas, o CDG reafirma o seu papel como axente vertebrador da escena galega, promovendo un teatro vivo, conectado co presente e accesible desde todo o territorio.