In Dulci Jubilo | Festival Ateneo Barroco
Ano: 2026
Adulto
Ficha artística
ACCADEMIA DEL PIACERE
A valentía dos seus innovadores proxectos e a forte personalidade artística do seu director fixeron de Accademia del Piacere o grupo de vangarda da música antiga española e un dos punteiros en Europa, grazas á súa concepción da música histórica como algo vivo, cheo de emocións que os seus músicos interiorizan como propias e transmiten ao espectador.
Dende os seus comezos en 2002 Accademia del Piacere afondou e revelou novos matices en repertorios fundamentais das músicas históricas, como o Seicento italiano, ao que dedicou os seus discos Le Lacrime di Eros (Premio Prelude Classical Music 2009) e Amori di Marte, centrado no Combattimento di Tancredi e Clorinda de Monteverdi (Disco Excepcional Scherzo 2011 e CD Tipp en Toccata Magazine, Alemania), ou a música de cámara francesa da corte do Rei Sol, rexistrada en Les violes du Ciel et de l’Enfer (nomeado ao premio da crítica europea International Classical Music Awards 2011). En todos eles a crítica salientou o fascinante e directo poder de comunicación cara ao público de Accademia del Piacere.
En 2011 Accademia del Piacere convulsionou o mundo da música histórica con Las Idas y las Vueltas, unha incursión polo mundo do flamenco e as súas conexións coa música barroca realizada en colaboración co cantaor Arcángel, que lle valeu o Giraldillo á Mellor Música da Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e un grande éxito discográfico a nivel europeo como cuarto compacto do selo fundado por Fahmi e Rami, Alqhai & Alqhai.
Igualmente valente é o seu seguinte proxecto discográfico, que revive o apaixonante mundo da improvisación na España arredor de 1600: Rediscovering Spain (2013), onde de novo Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere arriscan e ofrecen novas glosas ao público de hoxe. Entre os seus proxectos posteriores cóntanse os dous primeiros compactos a só de Fahmi Alqhai, A piacere (para Gramophone, un CD «extraordinario» que «leva a viola da gamba a un novo terreo de gozoso potencial»), e The Bach Album (CD Excepcional para Scherzo e Melómano de Oro). Consecutivamente en 2016 e 2017 Accademia recibe o premio GEMA ao Mellor Grupo Barroco español. En 2016 Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere repiten Giraldillo da Bienal, esta vez á Innovación, con Diálogos, xunto a Rocío Márquez, proxecto levado ao disco en 2019 (Premio Melómano de Oro). Ese mesmo ano lanzan para Deutsche Harmonia Mundi Muera Cupido, dedicado á música vocal da España barroca, xunto á soprano Nuria Rial e premiado en 2020 como mellor recital de ópera pola industria discográfica alemá (Premio Opus Klassik). En 2022 dedican Colombina ao manuscrito sevillano homónimo do século XV.
O recoñecemento a nivel español e europeo valeulles a Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere a súa presenza nos escenarios máis prestixiosos da música clásica europea e mundial: entre outros moitos, visitaron as Filharmónicas de Berlín, Hamburgo e Colonia, os Konzerthaus de Berlín e de Viena, o Oji Hall de Tokio, o Auditorio Nacional de Madrid, o Festival Internacional Cervantino de México, a Fundação Gulbenkian de Lisboa ou o Festival de Música Antiga de Utrecht, ademais doutros moitos festivais e salas de Estados Unidos, Colombia, Xapón, Panamá, Holanda, Alemaña, Bélxica, Suíza, España, Dubai, etc. Os concertos de Fahmi Alqhai e Accademia del Piacere son regularmente emitidos en directo pola Unión Europea de Radiodifusión dende as súas emisoras asociadas, como RNE, NDR de Alemaña, Radio della Svizzera Italiana ou a Radio Checa, e foron transmitidos por emisoras de televisión de todo o mundo, dende TVE á xaponesa NHK.
Accademia del Piacere recibe o apoio do INAEM e da Agencia Andaluza de Instituciones Culturales.
FAHMI ALQHAI
Fahmi Alqhai é recoñecido como un dos máis brillantes e prestixiosos intérpretes de viola da gamba do mundo, así como un dos principais referentes da música antiga na actualidade. Admirado polo seu enfoque expresivo e comunicativo dos repertorios históricos, tende pontes entre culturas a través da súa arte e a súa visión musical.
Nado en Sevilla en 1976, de pai sirio e nai palestina, pasou a súa primeira infancia en Siria, onde comezou os seus estudos musicais. Fahmi Alqhai encarna un diálogo entre os mundos do Mediterráneo. É director artístico de FeMAS (Festival de Música Antiga de Sevilla), o máis antigo e importante de España no seu xénero, e dirixe o internacionalmente aclamado conxunto Accademia del Piacere. Con Accademia del Piacere ten actuado nos principais escenarios de Europa, América e Asia e recibido numerosos premios internacionais: o álbum Muera Cupido gañou o Opus Klassik Award 2020; Les Violes du Ciel et de l’Enfer foi nominado aos ICMA; Colombina (2024) obtivo tres Premios GEMA e Le Lacrime di Eros recibiu o Prelude Classical Music Award.
As súas colaboracións con artistas flamencos son especialmente innovadoras: Las idas y las vueltas, xunto a Arcángel, obtivo o Giraldillo ao Mellor Acompañamento Musical na Bienal de Flamenco de Sevilla 2012 e Diálogos, con Rocío Márquez, recibiu o Giraldillo á Innovación en 2016. Os seus discos en solitario, A piacere (2014) e The Bach Album (2016), consolidaron aínda máis a súa reputación como intérprete visionario, recibindo ambos múltiples premios de GEMA, Scherzo e Melómano. En 2018 foi distinguido coa Medalla da Cidade de Sevilla.
Dende novo, Fahmi Alqhai ten colaborado regularmente cos conxuntos internacionais máis prestixiosos de música antiga, como Hespèrion XXI (Jordi Savall) e Il Suonar Parlante (Vittorio Ghielmi), e ten actuado como solista con importantes orquestras, entre elas a Orquesta Nacional de España, o Ensemble Vocal de Lausanne (Michael Corboz) e a Orquesta Barroca de Sevilla. A súa curiosidade artística esténdese máis alá da música antiga, participando tamén en proxectos contemporáneos e de jazz xunto a músicos como Uri Caine.
Fahmi Alqhai gravou para selos como Deutsche Harmonia Mundi, Alia Vox, Glossa, Winter & Winter e o seu selo persoal Alqhai & Alqhai e aparece con frecuencia en programas de televisión e radio de todo o mundo. Estudou con Ventura Rico en Sevilla e posteriormente con Paolo Pandolfo na Schola Cantorum Basiliensis e con Vittorio Ghielmi no Conservatorio della Svizzera Italiana de Lugano. Paralelamente á súa formación musical, obtivo o título de Odontoloxía pola Universidade de Sevilla.